Instamos a impulsar unha Ordenanza Municipal de protección animal e convivencia no noso Concello. EU NARÓN.
Abeledo defende a necesidade de impulsar unha Ordenanza Municipal de protección animal e convivencia.
Por ese motivo EU Narón conxuntamente coa asociación animalista LIBERA presentará unha Moción no Pleno de Outubro baixo o titulo:
“MOCIÓN PARA IMPULSAR UNHA ORDENANZA MUNICIPAL DE PROTECCIÓN ANIMAL E CONVIVENCIA”
André Abeledo explica que a recente aprobación da Lei de Benestar Animal polo Parlamento de Galicia e a falta dunha consignación orzamentaria mínima por parte do executivo autonómico evidencia unha vez máis a necesidade de establecer normas locais adaptadas aos tempos, ás demandas veciñais e ao interese da protección dos animais xunto cunha convivencia responsable.
A nova Lei autonómica avanza nalgúns aspectos fundamentais, reclamacións que viñan sendo continuadas por parte das entidades protectoras e dos colectivos que, como LIBERA! advirten sobre un abandono animal que non deixa de medrar e que non recibe resposta precisa dende o conxunto dos poderes públicos.
Tamén, non é menos certo, que a derivación de competencias nesta materia dende a Xunta aos Concellos, coloca aos gobernos locais nunha situación complexa, xa que teñen que aplicar as disposicións, algunhas moi novidosas, como o ‘sacrificio cero’ ou a prohibición de encadeamento continuado, sen dispoñer dun investimento por parte da administración galega.
Só cunha remuda profunda da conciencia cidadá se poderá chegar a un Concello máis amigable e responsable cos animais, con taxas prácticamente nulas de abandono e con casos moi puntuais de crueldade, pero aplicar a Lei de Benestar Animal nos vindeiros meses esixirá unha resposta económica da Xunta, que dote ao noso Concello de medios mínimos para afrontar o seu articulado con garantías.
Abeledo denuncia neste sentido que a Xunta de Galicia ten a obriga de apoiar ás administracións que están a asumir a práctica totalidade dunha batalla, o abandono e o maltrato, para a cal non se consignan suficientes recursos.
As propostas consisten en instar á Xunta de Galicia a consignar os recursos orzamentarios necesarios para garantir a aplicación correcta da Lei de Benestar Animal de Galicia, así como o apoio técnico preciso para implementar as súas disposicións.
Solicitar ao Concelo de Narón a elaboración dunha Ordenanza de Protección Animal e Convivencia no prazo de seis meses, contando cos grupos políticos, entes veciñais e asociacións animalistas.
E valorar dende o Consistorio, xunto coa veciñanza e colectivos específicos, a posta en marcaha dun programa de xestión de colonias felinas baixo criterios de alimentación controlada, esterilización e convivencia responsable.
GRUPO MUNICIPAL DE EU NARÓN
Responder