Anuncios

EU NARÓN apoia a loita contra o proxecto da Mina de Touro – O Pino e espera que todos os Grupos Políticos do Consistorio de Narón asinen a Moción presentada

O pobo galego unha vez máis tomou as rúas para defender o futuro da nosa terra, esta vez contra o proxecto da  Mina de Touro – O Pino. GALIZA DÍ NON A DEPREDACIÓN do noso entorno e a Praza do Obradoiro quedouse pequena ante a resposta popular este Domingo día 10 de Xuño.

André Abeledo rexistrou unha Moción en apoio a esta loita veciñas  solicitará o apoio do resto dos Grupos Políticos do Consistorio de Narón a esta loita.

Texto da Moción:

Sobre a importancia do sector do mar de Arousa na economía local.

O sector primario do mar de Arousa é estratéxico na economía local, polo emprego directo que xera; mariscadoras a pe, bateeiros, mariñeiros, mariscadores a flote, etc. constitúen un amplísimo colectivo que ten o seu medio de vida no mar. Este sector xera empregos estables, tamén en épocas de crise, en comparación con outras actividades xa que este sector resiste mellor os vaivéns do ciclo económico, como se veu demostrando nos últimos anos. En cifras, este sector representa o 1,33% da produción total da economía galega, achega o 33% do valor engadido xerado no conxunto do sector a nivel galego e dá traballo, directo ou indirecto, a miles de familias.

No ano 2016, traballan na ría o 44% das mariscadoras/es a pé, mais do 41% das embarcacións de artes menores e o 68,7% das bateas de mexillón de Galicia. Nas lonxas arousáns poxáronse 38.329.584 kg de produtos da pesca e do marisqueo que se traduciron en 91.301.357 euros. E nas augas de Arousa colleitáronse 174.497.538 kg de mexillón (máis 70% do mexillón producido en Galicia), cun valor de 77.999.843 euros.

A frota pesqueira de Arousa está composta por 1.709 buques de pesca e 842 auxiliares de pesca e acuicultura, respectivamente o 38,6% e o 69,9% do total de Galicia.

De feito o sector primario do mar en Arousa é un sector estratéxico na economía dos nosos pobos e vilas pola riqueza e emprego que induce ademais en diversas actividades en terra:

–         empresas destinatarias dos nosos produtos (depuradoras de moluscos, cocedoiros, conserveiras, centros de conxelación e pasteurización, procesadores, comercializadores)

–         empresas provedoras de servizos e subministracións (estaleiros, cordoarías, carpintaría, montaxes e maquinaria)

–         actividades auxiliares e de apoio, como transportes, centros de investigación, formación e control do medio mariño, etc.

Á importancia económica derivada do sector primario do mar arousán únese o valor social que adquire nos municipios costeiros, onde irradia beneficios socioeconómicos entre amplas capas da poboación, converténdose nun importantísimo mecanismo de distribución e reparto de riqueza no entorno local que incentiva a implantación de actividades e pequenos negocios.

Asemade, este conxunto de actividades do mar teñen un importante valor dende o punto de vista etnográfico e gastronómico, o que aporta trazos de identidade propia e de diferenciación a través da calidade do local que son aproveitados por un dos sectores que actualmente presenta un maior desenvolvemento económico, o turismo. Así, o turismo en Arousa susténtase sobre catro piares: a calidade das augas e dos produtos que saen delas, a singularidade etnográfica ligada ao mar, a beleza da paisaxe costeira e unha gastronomía que ten como emblema os produtos do mar locais.

Este forte vencello entre as actividades primarias e o entorno onde se desenvolve singulariza a paisaxe da ría de Arousa que é única, coa actividade das bateas, as embarcacións de pesca artesanal e o marisqueo. Todos eles producindo peixes e mariscos de calidade, aos que os consumidores outorgan alta estima e prestixio. Todo elo suma e atrae cada ano a un número maior de turistas que sustentan un volume crecente de negocios, grandes e pequenos, nas localidades arousáns.

Pero todo isto pode verse en risco se se compromete a calidade das augas da ría; tamén augas arriba as do río Ulla, o máis caudaloso e longo dos que alimentan a ría de Arousa.

Sobre a importancia ambiental do Río Ulla e da ría de Arousa.

         A riqueza pesqueira  e mariñeira que se resaltou na primeira exposición de motivos deste documento descansa sobre a riqueza ambiental existente na ría de Arousa e os ríos que nela desembocan, onde a saúde do río Ulla ten un papel fundamental, xa que alimenta dun xeito moi importante de sedimentos e nutrintes á ría.

         Esta riqueza ambiental está amplamente recoñecida, non so por publicacións científicas, senon pola propia lexislación ambiental. A ese respecto cabe destacar a declaración de varios Espazos Protexidos, como son:

         –O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (declarado o 1 xullo de 2002, mediante a lei 15/2002). Este Parque inclue 4 arquipélagos e o mar que os rodea, entre os que se atopa o de Cortegada, na desembocadura do río Ulla, e a illa de Sálvora, na zona exterior da ría de Arousa. Este Parque Nacional, (unha das figuras de protección máis restrictivas que se poden aplicar sobre un espazo natural) declarouse polas especial riqueza ambinetal dos seus fondos mariños e  debe velar pola súa conservación.

         -A Zona de Especial Conservación Ulla-Deza, (declarado o 31 de marzo de 2014, polo Decreto 37/2014) que protexe a maior parte do río Ulla ata Rianxo. Dito río ten gran importancia ambiental onde destaca a presenza de peixes como lamprea e salmón, especies moi sensibles á contaminación das augas.

         Así mesmo a ría de Arousa, xa na parte exterior acolle o ZEC Ons-O Grove e o Parque Natural do complexo dunar de  Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixan, que ten zona mariña dentro da súa superficie protexida.

         A ría de Arousa é unha unidade ecolóxica que non se pode desligar dos ríos que a alimentan, e os 4 espazos protexidos que esta ría acolle é un bo indicador da inmensa riqueza ambiental que posue e que por lei debe ser amparada.

         A administración debe velar pola conservación dos espazos protexidos da ría de Arousa. A reactivación da mina de Touro aumentará a drenaxe de contaminantes hacia a cunca do Ulla, afectando irremisiblemente á riqueza ambiental da ría, e consecuentemente á riqueza económica que sustenta.

Sobre o proxecto de explotación da mina de cobre San Rafael sita nos concellos de Touro e o Pino.

O pasado 25 de agosto saíu a exposición pública o proxecto da explotación mineira de cobre San Rafael, nº 2946, sita nos concellos de Touro e O Pino, na canle media do río Ulla.

Este xacemento foi anteriormente explotado entre 1970 e 1986; a partir desta data abandonouse a explotación deste mineral deixando unha grande superficie cuberta por entullos, balsas de lodos, etc. Trinta e un anos despois aínda non se restauraron todas as superficies afectadas.

Isto provocou no entorno unha forte contaminación dos solos e das augas, tanto das superficiais como das soterradas. Augas de drenaxe hiperacedas con concentracións altas de metais que contaminaron varios afluentes do río Ulla. A contaminación actual do estuario do río ten unha relación directa con esta mina.

Agora queren reactivar e ampliar esta concesión, coa participación do grupo multinacional Atalaya Mining, como consecuencia dos altos prezos do cobre estimulados pola demanda do mercado.

Inicialmente van a actuar durante dezaseis anos e medio sobre 689,65 hectáreas das 1.827 que ocupa a concesión, en dez ocos mineiros a ceo aberto dos que se prevé extraer 267,1 millóns de toneladas de materiais; 102,74 millóns de toneladas de mineral de cobre. Para extraer os materiais realizarán 6 voaduras diarias (cada unha con entre 9 e 16 toneladas de explosivos) o que producirá microterremotos que afectarán á estabilidade dos diques de contención das balsas de lodos.

O proxecto estima que durante os tres primeiros anos vanse verter ata mil millóns de litros anuais de augas que, despois de ser utilizada no tratamento químico necesario para precipitar os metais, será vertida ao Dominio Público Hidráulico.

Os lodos do proceso almacenaranse en dúas balsas: (i) unha auxiliar cunha capacidade de almacenamento de 34 millóns de toneladas estará contida por un muro de mais de 3 km de lonxitude e unha altura de ata 81 metros, e (ii) unha balsa permanente formada entre as cortas de Arindeiro e Viveiro (chamada lagoa de Arinteiro e Vieiro) cunha capacidade de almacenamento de 69 millóns de toneladas estará contida por un muro de case 3 km de lonxitude e unha altura de entre 55 e 74 m.

Debido a que estes son os residuos máis perigosos, por ser xeradores de drenaxes acedas mobilizadoras de metais, está previsto almacenalos en depósitos impermeabilizados mediante xeomembrana PEAD e xeotéxtil. Estas balsas, que conterán a maiores os restos non degradados dos compostos químicos empregados na separación do cobre (algún sospeitoso de causar cancro), van ocupar unha superficie total de 269 hectáreas, o que nos dá idea do enorme volume de residuos perigosos almacenados.

Ademais se proxecta unha entulleira de estériles potencialmente xeradores de ácidos cunha capacidade de 58 millóns de toneladas que ocupará unha superficie de 484.000 m2, e diversas entulleiras para os estériles non inertes con menor capacidade de mobilización de metais.

Ante os previsibles efectos prexudiciais que todos estes materiais van ter na calidade das augas dos afluentes do río Ulla, a empresa prevé o impermeabilizado e clausura destes materiais ao final do proxecto, sen ter en conta que os impermeabilizantes degrádanse e caducan co tempo polo que se verá incrementada a contaminación das augas proporcionalmente ao volume de residuos perigosos almacenados.

Por todo o expresado anteriormente, a empresa non garante dabondo que os metais tóxicos, os reactivos das augas do proceso, os lixiviados das cortas e das entulleiras non vaian  afectar ás augas e sedimentos do río Ulla.

Os concellos situados río abaixo da mina poden verse afectados pola contaminación das augas do río nas captacións de auga potable.

A experiencia previa constatou o importante dano ambiental que esta explotación mineira orixinou e segue orixinando na cunca do principal río que desemboca na ría de Arousa. De feito na actualidade o rego de Pucheiras –afluente do Ulla- tras estar en contacto coa zona de explotación abandonada amosa niveis de cadmio e de mercurio moi superiores aos máximos legais permitidos.

A execución deste novo macro-proxecto de explotación mineira na cunca do Ulla pon en risco a principal área de produción de moluscos da UE, a ría de Arousa. Por tanto as administracións deberían aplicar o “principio de precaución” para protexer as actividades de pesca, marisqueo e cultivo de mexillón que se realizan nesta ría.

A execución deste macro-proxecto tamén pon en risco as captacións de auga potable de concellos de Vedra, Boqueixón, Teo, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Pontecesures, Valga, Catoira e Vilagarcía de Arousa.

A execución deste macro-proxecto tamén pon en risco os valores naturais protexidos como o ZEC Sistema fluvial Ulla-Deza, as especies ameazadas (nomeadamente o mexillón de río, Margaritifera margaritifera e a toupa de río, Galemys pyrenaicus) e o Humidal Ramsar Complexo intermareal Umia-Grove-Carreirón.

Por todo isto, os distintos sectores do mar de Arousa temos solicitado á Consellería do Mar e á Consellería de Economía, Emprego e Industria a retirada do proxecto de explotación da mina de San Rafael de Touro-O Pino e

propoñemos que o Pleno Municipal acorde:

1.-Instar ás Consellerías do Mar e de Economía, Emprego e  Industria que se desestime a autorización administrativa á actualización do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael, nº 2946, ditando así mesmo unha declaración ambiental desfavorable en virtude dos efectos negativos para o medio ambiente e a incompatibilidade do proxecto coa debida protección das augas da cunca e da desembocadura do Ulla, dos espazos naturais deste sistema fluvial, coas captacións de auga potable de numerosos concellos, coa riqueza pesqueira e marisqueira da ría de Arousa e, en concreto coas áreas de produción de moluscos bivalvos ESO14PEAEGAL-19, ESO14PEAEGAL-18/02 e ESO1429.

2.- Instar á Xunta de Galicia para que se promova unha completa restauración da antiga explotación mineira de Touro, eliminando os focos de contaminación de metais pesados, para como mínimo asegurar que esta explotación non compromete a calidade ambiental do río Ulla e da ría de Arousa.

3.- Remitir o texto do acordo acadado polo Pleno Municipal a

PLATAFORMA EN DEFENSA DA RÍA DE AROUSA (PDRA), Avda. Dr. Tourón

nº 44 -entrechán, C.P. 36600, correo-electrónico pdrarousa@gmail.com

GRUPO MUNICIPAL DE EU NARÓN

Anuncios

Categorías

About el comunista (89290 Articles)
Síguenos en Twitter @elcomunistanet Síguenos en Facebook grupo: el comunista prensa roja mundo hispano Nuestro e mail: elcomunistaprensa@yahoo.com

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: