Anuncios

Mercadona ameza con sancións o persoal que ten tatuaxes en zonas visíbeis se non as oculta

Na rolda de prensa participaron @s delegad@s da CIG en MERCADONA A CORUÑA.
Entre eles a presidenta do comité de empresa María López Alejos, e André Abeledo, delegado de persoal da comarca de Ferrolterra.
Abeledo indicou que «non podemos permitir que se sigan a vulnerar dereitos fundamentais das traballadoras e traballadores», «a actitude da empresa é arcaica e esta fora de lugar nos tempos que vivimos».
Mercadona ameza con sancións o persoal que ten tatuaxes en zonas visíbeis se non as oculta.
A sección sindical da CIG denuncia que esta persecución atenta contra os dereitos das/os traballadoras/es.
A Coruña, a 19 de xullo de 2019
Prohibidas as tatuaxes visíbeis e os piercings. Esa é a consigna que Mercadona instrúe a todo o seu persoal chegando mesmo a ameazar coa imposición de sancións a aquelas traballadoras e traballadores que non oculten estes adobíos. Así o denunciou este venres en rolda de prensa a sección sindical da CIG, quen advirte que esta persecución atenta contra os dereitos individuais e constitúe unha manifestación máis da política de férreo control que Mercadona exerce sobre as súas traballadoras e traballadores.
«Aínda que de momento non pasou do apercibimento verbal, o persoal que ten tatuaxes visíbeis está recibindo todo tipo de presións e ameazas para que as tapen», explica a presidenta do comité provincial da Coruña, María López Alejos, quen cualifica esta política laboral como totalmente extemporánea, vulneradora de dereitos e irrespectuosa co persoal.
Sinala que, no camiño de adaptarse aos tempos actuais, no último convenio colectivo se retiraron aqueles puntos que facían referencia as sancións por incumprir o aspecto físico esixido as traballadoras e traballadores. «Non obstante, a realidade é que en Mercadona están prohibidas as tatuaxes, ao igual que o piercings, e que a empresa ameaza con sancionar a quen as loce».
A este respecto, engade a presidenta do comité, Mercadona ten incluso un código de como ocultar as tatuaxes, dependendo da parte do corpo na que estean: no pescozo con maquillaxe, no brazo cunha venda, etc. «A clientela nunca se queixou porque algunha traballadora ou traballador teña unha tatuaxe. Ao contrario, chámalles moito máis a atención que vaiamos cun pegote de maquillaxe ou cunha venda», subliña.
Situación especialmente grave na tenda de Marineda City.
Pero esta persecución non ten a mesma intensidade en todos os centros de traballo, e mentres nunhas tendas a prohibición tómase con maior lasitude, noutras como o supermercado de Marineda City, as ameazas son constantes. Tanto é así, explican, que un día, aproveitando a ausencia das delegadas da CIG, a encargada reuniu nas dúas quendas laborais a todo o persoal para reiterarlles que non se poden levar á vista as tatuaxes e lembrarlles que quen non cumpra esta obriga pode ser obxecto de sanción.
«Ao día seguinte, un  traballador non cubriu a tatuaxe que ten no brazo e foi rapidamente chamado á oficina. Alí a encargada, con dúas testemuñas, díxolle que tiña que tapala porque esa é a política da empresa. Cando o traballador lle respondeu que o convenio non recolle nada sobres este asunto, a encargada díxolle que se dera por informado e lanzoulle ameazas veladas».
Para a CIG, que se poida chegar a sancionar a unha compañeira ou compañeiro por este motivo non só resulta inconcibíbel nos tempos actuais, senón que atenta contra o dereito á propia imaxe e ás liberdades individuais. Por iso, advirten que «non imos amedrentarnos ante ningunha ameaza e seguiremos a defender a dignidade e os dereitos do persoal». E engaden que, atrás desta persecución, o que en realidade se agocha son os intentos de Mercadona por dobregar e controlar ao seu persoal.
A CIG tratou esta prohibición nas reunións trimestrais coa empresa.
A sección sindical da CIG levou esta problemática nás reunións trimestrais do comité e a empresa, que se limitou a asegurar que esta orde forma parte da política interna de Mercadona. «Cando lle pedimos que nos mostraran onde está recollida a obriga de tapar as tatuaxes, a resposta foi que hai que respectar a uniformidade, a neutralidade e a seguridade alimentaria e que, presuntamente, nos informan de palabra cando nos contratan».
Dende a CIG pídeselle a empresa que avance canda a sociedade e permita ensinar as tatuaxes se non teñen contido ofensivo, «pero até o momento non nos contestaron e continuamos igual». De feito, ao persoal con tatuaxes nos brazos Mercadona nin sequera lle entrega o uniforme de verán, polo que teñen que traballar todo o ano en camisa de manga longa.
A obsesión de Mercadona pola imaxe do seu persoal chega até o punto de que se prohibe ás traballadoras e traballadores asistir ás reunións de empresa con pantalón vaqueiro, pantalón curto, chándal, sandalias ou zapatillas deportivas.
Agardando que sexa do voso interese.
Un cordial saúdo.
Sección Sindical da CIG en MERCADONA.
19-07-19_RoldaPrensaMercadona_1
Anuncios
About el comunista (59878 Articles)
Síguenos en Twitter @elcomunistanet Síguenos en Facebook grupo: el comunista prensa roja mundo hispano Nuestro e mail: elcomunistaprensa@yahoo.com

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: