Anuncios

Coronavirus: do medo á sumisión

Tantos doantes de máscaras, alén do magnate téxtil, deportistas que incluso dispostos estavan a doar a súa escafandra, e resulta que agora veñen con que o covid non se transmite polo ar. Isto no é cousa de encantamento, fun polo aire vin polo vento.

Por Iolanda Teixeiro Rei*

Obsoletas fican aquelas censoras olladas veciñais dos bragados con máscara de filtro, que arredavan de ti como da peste cando batían co teu carro na curva dos legumes. Eses veciños-soldado de disciplina, espírito de servizo e obediencia cega que se sentían elixidos por algún escuro designio ao ter na súa casa unha máscara homologada que xa lle gostaría á meirande parte do persoal sanitario sobrexposto ao virus.

E resulta que agora descobren que o becho só entra por esbirros, tose ou contacto con superficies previamente tusidas ou esbirradas. Co que as máscaras só serven para evitar a fuga de patóxenos cara fóra. Vamos, que se fas voto de silenzo e nen tuses nen esbirras, cunhas simples luvas poderías andar pola rúa sen perigo. Así que o indicador de solidariedade heroica dos enmascarados non era tan potente como afiuzavamos.

De calquera xeito, seguimos forzados a un confinamento severo malia o covid non se transmitir polo ar. Desde o kilómetro cero da Porta do Sol irradian as ordes represivas de clausura polas redes viarias. Non sair. Agora xa nin os traballadores das grandes empresas multinacionais, a non ser os repartidores de artigos online de primeira necesidade como pode ser a roupa de temporada, as mancuernas, as pesas ou as bicis infantís de oferta. Claro que son artigos de primeira necesidade, anque non volo parezan. Porque ir á moda eleva as endorfinas, facer exercicio farda nas redes e os nenos confinados teñen que tomar o aire nos chaletes. Un aplauso para os repartidores.

Que desfilen cos bombeiros e policías!. Agora que todos somos soldados non nos podemos permitir disidencias. Dáme o pálpito que o mesmo que na industria naval existía o contacagadas, ese chivato que se gañava a simpatía dos xefes controlando as veces que os compañeiros ían ao escusado, han florecer os contabalcóns, ese veciño ao que nunca se lle veu colaborando en nada e que agora, entre aplausos, aponta os silenzos dos balcóns baleiros. Son os mesmos que te dicían por que puñas unha bandeira de Nunca máis. Eses aos que nunca viches en ningunha mobilización pola defensa da Sanidade pública ou dos demais servizos básicos. Os mesmos que pensan que o primeiro de maio se devía de cambiar polo de San Xosé Obreiro ou que se se pechan centros de saúde temos seguros privados.

Supoño que con este clima tan solidario, tantos vellos que viven sós veranse forzados a sair a aplaudir e a poñer letreiros de eu fico na casa, sobre todo despois de ver na tv os insultos e berros contra aquel autobús de anciáns.

E neste clima de resquemor, desconfianza, medo e sumisión até as aseguradoras nos anuncian que todo volverá á normalidade. #Fica na casa. A normalidade? Se case saltamos a berrar Vivan as cadenas!. Que ganas de volver ao precariado, a traballar o dobre -e que dure- para pagar o endevedamento do Estado polo covid!. Até os anuncios de telepizzas véndennos as bondades da tecnoloxía e o isolamento, este onanismo de borrolliño espetándonos un Non fai falla estar xuntos para estar perto, mentres un mozo feliz coa súa pizza cea coa súa moza a traverso das pantallas nun acompañamento virtual.

Agora que todos somos un e arrimamos o ombreiro, ao tempo que esquecemos que só se suspenderon os dereitos e as clases académicas non as sociais, a capacidade crítica está a piques de se declarar delito de insolidariedade. Non se vos ocorra cuestionar nada, nen indagar o sentido das ordes, nen perguntarvos por que os militares están a facer o traballo dos civís e viceversa. A lei mordaza, que un governo de esquerdas esqueceu derrogar permite tomarse a xustiza pola man até aos guardas de seguridade. E a onde non cheguen poderán botar man, se cadra, dos porteiros de discoteca que agora mesmo andan de puños caídos. A última reforma laboral, que tambén esqueceron derrogar, permitirá os despidos masivos, os ERES e os ERTES que poderán perder o T polo camiño.

A ministra de Traballo trabuca o despedimento nulo co improcedente e o empresariado, que há tempo procurava unha ocasión, frota as mans co xel aséptico deste motivado coronavirus.

Entramentres, as noticias enlatadas das axencias repítennos cada día a mesma programación. Militares con galóns diante das bandeiras empoderadas escoltan ao médico para lle dar un talante civil á alarma. Os psicólogos alertan do perigo da sobreexposición informativa obviando que o estado de atordoamento cidadán é un perfecto coadxuvante da sumisión, indispensabel para cando nos solten.

Un mundo novo se abrirá o primeiro día de liberación do cautiverio. Será como un novo desembarco en Normandía. Nunca tan felices voltaremos ao traballo, ao voluntariado ou ao paro. Os nenos aprenderán a valorar a disciplina escolar, tras o cativerio máis duro, sabidos xa de que os dereitos humanos ou os universais do neno valían só para subir nota no exame. Os empresarios gañarán un proletariado en si a perpetuidade.

Os sindicatos, pactistas, organizarán cursos de prevención de riscos víricos laborais. Os vellos fuxirán ao monte antes que tripar unha residencia. Os movementos sociais volveranse estáticos porque reclamar dereitos mudará nun aceno insolidario coa mensaxe subliminal de que todos somos un. Os médicos volverán a perder valor social en favor dos futbolistas. Os acaparadores das grandes superficies aumentarán aínda máis os seus beneficios e abrirán máis superficies con horarios vintecatro horas e os cans…ai os cans!. Eses privilexiados paseantes de dono descoñecido serán os grandes prexudicados do coronavirus. Serán abandoados por aqueles entregados paseantes doutrora. Oulearán soñando co canis lupus signatus.

*Ferrol

Anuncios
About el comunista (68062 Articles)
Síguenos en Twitter @elcomunistanet Síguenos en Facebook grupo: el comunista prensa roja mundo hispano Nuestro e mail: elcomunistaprensa@yahoo.com

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: