Coronavirus: teatro de máscaras

En Floravia, na capital do Ribeiro, a gozosa industria do viño fora sustituída pola de fabricación de cadaleitos. E fora o pasamento da alegría, a dizer de Otero Pedrayo naquela peza de Teatro de Máscaras O desengano do Prioiro. Anque a satírica alegoría da vida fronte á morte rematara coa destrución da tan mortífera industria dos féretroproieutas.

Por Iolanda Teixeiro Rei *

Quen sabe se non precisariamos hoxe doutro Frei don Veremundo co seu criado Escasulante para volver botar abaixo ás novas barcas de Caronte dos trusts modernos, non tanto por nostalxia da Arcadia como da Utopía social. (Utopía no sentido que lle dá Eduardo Galeano, de aquelo que nos permite seguir camiñando).

Lonxe do Teatro, hoxe a máscara é motivo de polémica social. A máscara e as demais medidas sanitarias. Mais é incuestionavel o seu uso?. Somos conspiranoicos fascistas da italiana Forza Nuova ou nazis negacionistas que proclaman o día da liberdade en manifestacións, todos os que facemos crítica sobre as medidas sanitarias ou manifestamos abertamente a nosa humilde opinión?. É que cuestionar a xestión política da pandemia convértenos por forza en fascistas, insolidarios, terraplanistas ou covidiotas?. Serao tambén o Bloco de Esquerda de Madeira que considera a imposición da máscara sen fundamento ou os xuristas que cuestionan a constitucionalidade da súa obligatoriedade?.

A nova normalidade foi quen de crear o trust da sumisión a unha ditadura sanitaria. Solapando sibilinamente que a xestión dunha pandemia é política, non sanitaria nin militar. A ciencia é falivel -anque sexa o mellor método que temos- e, desde logo, a comunidade científica está suxeita a interpretación das autoridades cando non sumetida aos ditados do Capital. Como se explica, senón, que perante as mesmas evidencias científicas non haxa unhas medidas acordes en todos os países?. No que ten ao uso e abuso da máscara, por que somos un dos países máis estrictos na obriga de uso e porén temos unha cifra tan alta de contaxios e gromos? Será pola xeralización de uso do test que descubre positivos onde antes non medía, ou será pola falla de eficacia da máscara ao abrir fronteiras nun país cuxa economía a penas alicerza no sector hosteleiro e no turismo insostivel?. Teriamos de analizar o caso de países como Suecia con mellor situación pandémica que España sen ter obrigatoriedade de uso. Porque se coa máscara pegada á faciana somos o oitavo país con máis casos positivos é para replantexar a xestión da pandemia.

Sospeito que a nosa obriga de levar máscara de xeito xeralizado e homoxéneo incluso no espazo público, anque vivamos na erma Floravia ou nos aires xebres do Piapaxaro, responde á nosa dependencia dunha economía terceiromundista nos arrabaldos da Europa dos mercados.

Certamente, as autoridades compórtanse como se este virus fora selectivo e clasista. Porque sentar nun banco da rúa contaxia máis ca sentar nunha terraza dun bar. Do mesmo xeito que vivir de rendas é menos contaxioso ca traballar por un mísero xornal. O covid é tamén vertolán amosando máis querencia polas administracións do que polas escolas pois os funcionarios teletraballan mentres os escolares de tres anos terán de ir enmascarados. E incluso é quen de apoiar á medicina privada onde a atención é presencial namentras no Sergas nos prometen a telemedicina de por vida.

Por outra banda, se o virus é tan contaxioso non será porque as máscaras cirúrxicas aparecen ciscadas por todas as rúas, polos montes e incluso aboian nas rías enredadas co peixe que xantamos?. Ou porque nos dan unha falsa seguridade facéndonos esquecer o distanciamento social. Por non falar da sospeitosa protección das máscaras de tea, novo nicho de mercado fashion, ou das fabricadas na casa reciclando os calzóns do avó. E que dizer dos que aforran estirandoa toda a semana até que forma crechas desfiañadas, porque tampouco é que sobre a minuta.

Pola terra dos Ártabros hai quen di que o único que está cientificamente probado é que a máscara do Racing de Ferrol non só protexe as cores da casa senón tamén as do convidado, agás se este é do Depor.

Dito o dito, se há que se enmascarar eu opto por modelos máis glamourosos cós abandeirados tapabocas paramilitares. Por asepsia sería ben que portaramos a veneciana máscara de pico medieval que luce hoxe no carnaval, remedando a esas aves ás que culpavan erradamente da peste negra ou, canda menos, máscaras de morcego ou pangolín para que o magistrato della sanitá, o Simón, non nos reclúa no Lazaretto Nuovo alertado por algún Radar covid.

*Ferrol

About el comunista (68269 Articles)
Síguenos en Twitter @elcomunistanet Síguenos en Facebook grupo: el comunista prensa roja mundo hispano Nuestro e mail: elcomunistaprensa@yahoo.com

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: