Con k de ocupación e de Vallekas

Chegou o ecofascismo e chegou disfrazado de sanitarismo paternalista ao abeiro dunha pandemia espallada pola globalización. Branco e verde. A bata branca e o uniforme verde milico para apelar ao medo dos máis. Quen governa o mundo sabe que o medo desmobiliza, desune e desartella calquera movemento cidadán que reclame non máis que os dereitos básicos: vivenda, saúde, educación, cultura, renda básica universal…

Por Iolanda Teixeiro Rei*

Así, non hai telexornal que se cuestione, é un dizer, por qué se arrasa o Amazonas cun monocultivo de soia que atravesa os oceanos do mundo non máis que para alimentar  galiñas chinesas. Aínda sabendo que a deforestación e demais devastacións ecolóxicas, xunto coa globalización das cadeas de produción e distribución da agroindustria contribúen, dun xeito fundamental, ao espallamento de pandemias. Non, os okupas de oligopolios non lles parecen tan preocupantes!. As consecuencias terroríficas da globalización son tabú nos medios de comunicación, por iso é preciso culpabilizar da pandemia aos morcegos, os pangolins ou aos inmigrantes ou persoas de barrios obreiros que teñen a indecencia de vivir en infravivendas ou en vivendas humildes onde non poden respectar esa distancia física ou por se trasladar a traballar aos barrios ricos no metro ou no bus, atustullados sen poder respectar a distancia social. É, cando menos sospeitoso que o Estado, sempre ao servizo da oligarquía, de súpeto se desviva pola nosa saúde vírica cando nunca se preocupou de mellorar a nosa calidade de vida.

Chegou o ecofascismo e o governo, após dar folgos á persecución veciñal, á delación entre os aplausos dos balcóns, comezou a desescalada a un mundo bradburián onde as máscaras só deixan ver uns ollos de olláparo a abesullar infracións. O outro como nemigo potencial é a base do fascismo.

Como na Caída en picado de Black Mirror, os móbiles serven de control pretotalitario entre a cidadanía. Millóns de persoas descarregaron xa a aplicación Radar Covid no rastrexo de positivos  e prometen facelo con esa nova app que permite denunciar calquera sospeita de delito, incluída a okupación dunha vivenda. Tecnonazismo ou o peor pesadelo de distopía?.

Á par, os telexornais criminalizan a pobreza, a precariedade ou calquera intento de organización á marxe do sistema. Criminalizan ao movemento okupa que protesta contra a especulación imobiliaria, o turismo insostivel, a xentrificación, a banca especulativa… noentanto ninguén parece escandalizar porque existan millóns de persoas sen dereito a vivenda no país das segundas residencias, da venda de aldeas enteiras ao mellor puxador, dos milleiros de vivendas baleiras propiedade de fondos avutre. No fondo o que amola é que os okupas defendan o dereito á vivenda por riba do dereito á propiedade. Cando a okupación existiu sempre dun extremo a outro do planeta. Así medraron por forza os arrabaldos das cidades forzados polo éxodo rural que forneceu industria e servizos. Alén daquelas concepcións políticas como a anarquista ou a libertaria que teiman na toma de terras, medios de produción e vivendas para construir comunidade á marxe do lucro do Capital. E contra eles acirran os despexos porque os centros de apoio e sociais son unha ameaza. Crean cultura e comunidade sen dono.

14.756 desafiuzamentos en 2019 e a ti te indigna esta pintada. Cantas veces os valos falan alto e claro como o mellor medio de comunicación!.

Nun estupendo artigo do xornal Mapa de agosto-outubro deste ano din que a revolución que vai haver non é de cravos nen de rosas, é de sen-abrigo ou como lles dicimos por acó, dos sen teito. Os expertos din que se continúan as tendencias actuais a okupación aumentará a 2000 millóns para 2030, unha de cada catro persoas. Así será mentres especular coa vivenda siga estando por riba do dereito a ela. Mentres empresas de propietarios fascistas como Mi casa no es la tuya poidan desaloxar familias sen orde xudicial botando man da seguridade privada, como estes días pasados en Lugo. A política de securitas direct mentres xantamos protagoniza o bombardeo televisivo asustándonos cos malvados okupas. Como se ter un teito fora un luxo ou non ter medios económicos, un delito.

Mentres políticos e bispos viven en áticos do centro e fuxen do virus cara as súas segundas residencias, os seus demagogos alertan de desembarcos de okupas en Vallekas. Ese Vallekas solidario e cultural, insubornavel. Ese Vallekas obreiro, exemplo de luita antifranquista. Territorio do FRAP e demais luitadores polas liberdades.

Mesturando a mantenta droga, inmigración, okupación, precariedade e miseria, os reximes autoritarios sempre xustificaron o seu devalo totalitario. Ao fin, confinar en guetos e lazaretos isolados e carentes de liberdade é condición necesaria para que nos barrios ricos se sigan acaparando uns recursos cada vez máis escasos. Cando se fai, por riba, alegando medidas sanitarias nunha pandemia chámase ecofascismo. E non, non é confinamento é luita de clases!.

*Ferrol

About el comunista (68116 Articles)
Síguenos en Twitter @elcomunistanet Síguenos en Facebook grupo: el comunista prensa roja mundo hispano Nuestro e mail: elcomunistaprensa@yahoo.com

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: