Xuizo politico. Dereitos e liberdades en xogo

Hai poucos anos ao abrir un xornal batín cunha nova desacougante. O enxuizamento e condena dun ano de cárcere a unha veciña  de Viveiro acusada de algo descoñecido para min, o autoadoutrinamento xihadista.

De Iolanda Teixeiro Rei*

Polo visto, o seu delito era utilizar as redes sociais e o internet para adoutrinarse a si mesma desde a súa vivenda. O que deron en chamar radicalización indirecta. A Sala da Audiencia Nacional considerara atenuante o trastorno de personalidade con trazos de excentricidade que padecía e a escasa potencialidade de cometer un atentado. A sentenza considerara probado que a muller buscara palavras en internet como Santiago, infieis ou destrución.

Parece que esas eran as probas que os levaron a pensar que planeara cometer un atentado o día da Patria do 2018. (Ollo aos especialistas en islamismo e aos curiosos do saber). Abraiante. Non dava creto. Pareceume aínda máis estrano o silenzo xeralizado a respecto do caso.

Eu atribuino a que a moza estava isolada e non se lle coñecía militancia ou vida social sequer. Só unha persoa, A. Carrodeguas, manifestoume que estava aqueloutrado por ese concepto no que se baseava o xuízo que condeava a aquela muller. Verdadeiramente este novo delito, baseado no art. 575.2 do Código Penal incorporado coa Lei Orgánica 2/2015, recibiu duras críticas por parte da xurisprudencia, mais aí ficou. (E non devemos esquecer que a modificación do código penal foi obra do bipartidismo PP-PSOE).

O concepto de adoutrinamento permite o castigo penal dos suxeitos que experimentan unha radicalización terrorista por si mesmos, concepto que bate cos dereitos fundamentais recollidos na Constitución. Fálase de perfís tipo de suxeitos potencialmente yihadistas ou tambén de obxectivos de radicalización que definen como o proceso polo que un individuo ou grupo tende a asumir puntos de vista políticos intransixentes e doctrinarios que os pode vencellar a ideoloxías estremistas ou crenzas fundamentalistas.

Como se ve, son conceptos que falan de suxectividades e potencialidades, prestándose a duvidosa interpretación e encamiñando o Estado de Dereito nun grave devalo involucionista. Catalogar, por exemplo, ambientes de ocio como locutorios, cibercafés, librerías, sedes de asociacións…como vías de radicalización é, cando menos, unha creba dos dereitos civís. 

A lei mordaza, co encarceramento de rapeiros como Valtony ou Hásel por exercer o dereito á liberdade de expresión que ampara o art 20.1 da Constitución, criminalizando a liberdade de expresión e ideolóxica como apoloxía do terrorismo e inxuria á Coroa polas letras das súas cancións, avaliando como delito un desexo subxectivo, foi un chanzo involutivo máis seguido polo Procés e o ataque continuo ao dereito de autodeterminación, de expresión, de asociación, de liberdade ideolóxica…contra todos os sectores independentistas.

Logo virían as operacións Jaro contra o independentismo galego no 2015. Precisamente este luns, 19 de outubro, comeza na Audiencia Nacional española, o xuízo político contra doce membros de dúas organizacións independentistas galegas, Causa Galiza e Ceivar.

A día de hoxe máis dun milleiro de persoas, dun amplo espectro ideolóxico e social asinaron o manifesto cidadán contra a represión salientando que este xuízo é un atentado contra o dereito de asociación política e liberdade de opinión e expresión do povo galego.

De se levar a cabo, o encarceramento, de catro a doce anos, e a ilegalización ou disolución destas dúas organizacións, sentaría un ataque sen precedentes á democracia e o pluralismo político na Galiza, creando un gravísimo precedente xurídico que abrangue a toda a cidadanía. Por iso considero que toda persoa que se teña por demócrata devería se solidarizar pedindo o arquivo inmediato da causa e o cese deste tipo de operativos contra o independentismo galego. Cando nun sumario aparecen actos de memoria histórica sobre a Revolución galega de 1846 como delictivos, no canto de se estudar en palestras académicas, podemos estar certos de que a imparcialidade e a seguridade xurídica andan en xogo.

Non se trata de defender a nosa ideoloxía. Non se trata de ser ou non ser independentistas. Están en xogo as liberdades civís de todos nós, sexamos da ideoloxía que sexamos. Hoxe son os independentistas galegos, onte os do procés, antonte os rapeiros e anteantonte unha muller que pescudava páxinas de internet. Mañá podes ser ti ou eu.

Pola defensa dos dereitos e liberdades fundamentais da propia Constitución española é que devemos solidarizarmonos e pedir a absolución dos independentistas galeg@s encausad@s.

*Ferrol

About el comunista (68381 Articles)
Síguenos en Twitter @elcomunistanet Síguenos en Facebook grupo: el comunista prensa roja mundo hispano Nuestro e mail: elcomunistaprensa@yahoo.com

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: