Autónomos e pandemia

Asistimos estes días a algo insólito, a concentración de autónomos nas prazas públicas do país reclamando políticas de apoio. Nas últimas décadas eles pecharan comercios e bares ao paso das mobilizacións do naval en solidariedade cos obreiros, no que parecía un recoñecemento mutuo, ao fin, de seren clase traballadora.

De Iolanda Teixeiro Rei*

*Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Ferrol.

Mais a pandemia veu abrir a fenda novamente e arredar   traballadores por conta propia de traballadores por conta allea. (Cando hoxe hai tantos minijobs por conta allea como propia. Divide e vencerás). E botouse de menos a solidariedade de clase.

Si, digo de clase, organizacións de esquerda de unha e outra fasquía; porque a maioría dos autónomos do noso país non son grandes empresarios senón micro-pymes, con máis pé ca eme. Onde estades, esquerdas de governo e oposición, que non se vos escoita, apoiando as súas xustas reivindicacións?. É o voso silenzo que esterca o campo populista da extrema dereita.

Porque os verdadeiros governos de esquerdas non poden resgatar bancos ou ser consentidores dos abusos das grandes compañías elétricas ou dos lobbies da auga. Bancos e compañías que inflan as facturas dos autónomos máis pequenos que, porén, son quen artellan a vida dos nosos barrios nas vilas e cidades.

E agora véñenlles paliar as doenzas graves e crónicas con panos quentes. Ofertando  pacatas axudas como a POECATA, unha prestación compativel coa actividade. Con que actividade no 50% dunha terraza formada por tres mesas?.

Que xa hai que ter amor á arte e ser poeta de baiuca para pagar luz e auga servindo mesa e media ate o toque de queda. Axudas que non acadan o mileurismo.

E a maioría cobrará só a metade da base mínima por real decreto. Iso sen contar gastos de impostos, hipoteca, facturas de luz,  auga e alugueiro. Por non falar dos autónomos de temporada que non cobrarán prestación.

Navegar polas procelosas augas en tempos de incertidume vírica non é tarefa doada para os autónomos. Hai algún peixe grande, mais maiormente trátase de bancos de peixes moi pequenos, desde freelancer que prestan servizos a outras empresas nos máis diversos sectores (comercio, deporte, xornalismo…), até traballo a toque de contrato a falsos autónomos, traballadores por horas que venden a súa forza de traballo a distintas empresas ou que traballan para unha gran multinacional de venda online que á volta da esquina se desprende deles, deixandoos hipotecados ate a terceira xeración.

Como país especializado na creación de traballos en sectores de baixo valor engadido, en turismo de sol e praia,  cunha precarización laboral das máis altas de Europa, a meirande parte dos autónomos adícanse á hostalaría ou o pequeno comercio. Coa eiva engadida da estacionalidade, en moitos casos, o 85,6% dos autónomos persoa física cotiza pola base mínima. Por tanto, non falamos de grandes empresarios, senón de traballadores.

Cómpre, pois, solidarizarmonos con eles nun momento en que a estes sectores, xa moi febles polas sucesivas crises sistémicas, se lles está a aplicar coa pandemia, unha economía de guerra, obrigándolles a pechar por decreto, culpabilizando a este sector da situación. Parece que se hai contaxios é por culpa de ter ir tomar un café ou unha cerveixa e non por ter ido nun bus ateigado de xente, ao super ou ao traballo e, nese caso, cómpre pechar o negocio.

Os que non se pechan son os grandes, cando nen sequera pagan impostos aquí, mentres os comercios de barrio son pequenas empresas que si os pagan. E a Xunta a privilexiar  cun horario máis amplo a casinos e apostas alegando que esa clientela non interactúa. Toda unha declaración lapelada da orientación ideolóxica desta pandemia. 

Desde a organización política Ligando, defensores acérrimos da economía local e do comercio de proximidade, queremos amosar a nosa solidaridade cos traballadores autónomos. Non comprendemos onde está esa esquerda, que agora cogoverna co Psoe ou esoutra chamada esquerda nacionalista. Porque milleiros de autónomos pertencen a un sector económico que se ve obrigado a pechar por motivos de Saúde Pública.

Este colectivo merece todo o apoio da sociedade o mesmo que os demais sectores afectados. Non pode ser que se vaian aprobar uns orzamentos para o 2021 sen contemplar medidas para os rescatar. Onde está a esquerda cando os plans de recuperación económica dos governos  contemplan subvencionar a megaempresas como Zara,  esquecendo a eses autónomos dos que dependen tantas familias?.

Agora non é o mesmo que coa crise de 2008. Agora é o governo quen decide por decreto que pechen, total ou parcialmente, o negocio dous millóns de autónomo/as mentres que soben os gastos por salarios aos funcionarios e persoal laboral.

Chegados a este ponto: Teremos que sospeitar que está en marcha unha reconversión encuberta do sector da hostalería turística que beneficia ás grandes empresas de distribución de alimentos, dado que o que se deixa de consumir na hostalería e que levan adiante distribuidoras pequenas, pasaría a mans de supermercados, que son grandes corporacións a nível de estado. Estaremos asistindo ao banquete do peixe grande a engulir ao banco de peixes chicos ao abeiro do mar proceloso da pandemia?.

About ELCOMUNISTA.NET (71865 Articles)
Síguenos en Twitter @elcomunistanet Síguenos en Facebook grupo: el comunista prensa roja mundo hispano Nuestro e mail: elcomunistaprensa@yahoo.com
A %d blogueros les gusta esto: