Epistolarios: literatura e monllos rosados

Ao abeiro mediático do litixio polo Pazo de Meirás e da entrada no centenario da morte da condesa de Pardo Bazán luce nas lúas das livrarias o  seu epistolario a Galdós, Miquiño mío: cartas a Galdós, do que o título xa é un reclamo, máis que a literatura, a monllo rosado.  Non digo eu que rexeite este xénero literario. Cicerón, indo máis lonxe, deixounos case un milleiro de cartas que nos levan á vida cotiá da Roma de hai máis de dous milenios. Grazas a iso, historiadores, filósofos, políticos e xentes do común podemos abranguer un coñecemento máis profundo sobre a cultura clásica e sobre a especie humana sen que por elo esteamos a violentar a Marco Tulio nin aos seus descendentes.

De Iolanda Teixeira Rei*

Do mesmo xeito temos de louvar A obra enmascarada, o epistolario cruzado entre Ricard Salvat e Luís Seoane onde preparan a montaxe da obra de teatro Castelao e a súa época, un alegato contras as guerras coloniais e na defensa dos vencellos entre Galiza, Portugal e as culturas ibéricas con textos de Rosalía, Curros e a propia Pardo Bazán entre outros. Obra pantasma que só bulrou o salazarismo nas baiucas de Coímbra.

Mais que clase de morbosidade pode espertar que dona Emilia fixera o amor con Galdós polas rúas de Madrid nunha carruaxe e botase as bragas pola xanela? Compensa este saber, talvez probatorio dunha sexualidade desacomplexada, traspasar eticamente o limiar da privacidade?. Ou é que os mortos non teñen dereito á intimidade?. Non quero con isto dicir que só se deveran dar ao prelo os livros de epístolas canónicas ou as semblanzas haxiográficas da condesa, pois o máis escuro e mórbido dos santos non pasaría a licenza vaticana. No entanto, resulta sospeitoso que nestas festas solsticiais ningún escaparate lucira La Tribuna, magnífica novela de Pardo Bazán sobre a líder das cigarreiras da fábrica de Tabacos de A Coruña (temática de mulleres traballadoras a se organizar que non acaxoma co pensamento reaccionario) ou Insolación, obra feminista onde trasluce a fe inxenua do povo nas reformas políticas. Por non falar de La cuestión palpitante, que en plena pandemia, coa fenda de xénero e a feminización da pobreza, segue a palpitar.

Non vou ser eu quen me sume a unha louvanza acrítica de dona Emilia, en sendo que unha condesa ten limitacións de título para exercer un feminismo colectivo, digamos. Como tampouco penso que literariamente dona Emilia e Rosalía sexan excluíntes, aínda máis se consideramos que sendo as dúas galegas, a condesa pertence á literatura española, non así a obra principal de Rosalía. Mais si apontar que Pardo Bazán tambén tivo certa ousadía a se enfrontar ás mulleres e homes da súa clase e a súa hipocresía moral. Alén de que o seu pasado carlista, o seu conservadurismo católico e o seu rexionalismo cultural non impediran que ás veces se posicionara na defensa de parte da obra de Curros ou de Rosalía. Malia que comparar Follas Novas, como fixo, co lirismo enfermizo da poesía decimonónica castelá reflicta o seu rexeitamento a un rexionalismo político que batía cos seus intereses de clase.

Porén é ben que fagamos xustiza literaria e saibamos arredar a muller da literata. Porque como literata é unha das grandes e non é merecente da marxinación misóxina á que se someteu e somete a súa obra. As súas novelas e relatos curtos así o acreditan. A súa vida amorosa, sexual e privada só devera interesar desde o punto de vista feminista ou sociolóxico. Celebremos o centenario profundando e debatendo na obra e deixemos os monllos rosados para os chefs dos realities. Non vaia ser que por tratarse dunha muller celebremos o morbo e convirtamos o seu espistolario nun epistoleiro, como din os irmaos potugueses para aludir ás coleccións de cartas.

Converter a obra da autora de Los Pazos de Ulloa nun monllo rosado de sobremesa alienada é perverter a literatura ou fechala ao coñecemento das futuras xeracións  alonxándonos do grial e do corvo dos escudos da Galiza nosa e da Galitzia ucraíno-polaca.

*Ferrol

About ELCOMUNISTA.NET (71645 Articles)
Síguenos en Twitter @elcomunistanet Síguenos en Facebook grupo: el comunista prensa roja mundo hispano Nuestro e mail: elcomunistaprensa@yahoo.com

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: