Saqueo territorial en tiempos de pandemia

Teña conta, vosa mercé, que non son muíños que son xigantes. (Sancho a D.Quixote)

De Iolanda Teixeiro Rei*

O risivel provén en Don Quixote de saber que non é Don Quixote, senón Quixano, quen fala e traballa. Cervantes, di Manuel Azaña, non ridiculiza o ánimo heroico senón a impotencia alucinada. Don Quixote non desiste da súa teima. Morre de cordura. Contra a opinión de Kierkegaard de que devería morrer tolo.

Talvez no actual esperpento pandémico, fora a loucura a única saída, o único relanzo onde se espellar nas augas límpidas do sanchopacismo.

O certo é que mentres as grandes distribuidoras da agroindustria intensiva arrasan cos agricultores tradicionais, gardadores da soberanía alimentaria do planeta, os confinados seguimos a ter posibilidade de mudar cada acto de consumo nun acto político revolucionario de dimensión planetaria. Cada vez que saímos do consumo das grandes áreas comerciais e supermercados tirámoslle poder a eses xigantes que se reparten a Terra. A Bill Gates de Windows, Cascada Investments, Cottonwood Ag Management e outras empresas que xa é o meirande agricultor de seu país, anque é John Malone de Liberty Media quen posúe máis de 890.000 htas de terrenos forestais, o principal terratenente dos EEUU. Cada vez que mercamos nos circuitos de cercanías deixamos de ser cómplices de Ted Turner de CNN que ten a seu nome 809.371has de terras de rancho, de Jeff Bezos de Amazon que está a se apropriar de milleiros de htas. para o que chaman eufemísticamente, agricultura de alto rendimento, na Africa subsahariana e no sul de Asia. Cada vez que mercamos por Amazon estamos colaborando co holocausto das pateras pois Bezos está investindo en cultivos resistentes ao cambio climático creando incluso razas de vacas que resistan as altas temperaturas que eles mesmos provocan cos seus produtos kilométricos.

Estamos asistindo ao secuestro do suministro mundial de alimentos xunto á biopiratería da natureza e do coñecemento como hai anos que nos vén alertando, Vandana Shiva, unha das físicas máis sobrenceiras da India. Cada mañá, cando no almorzo consumimos azúcares procesados en feitío de millo transxénico ou calquera outro cereal alterado xeneticamente estamos colaborando con estes xigantes do saqueo.

Agora mesmo, na Galiza, seguen a nos espoliar o territorio. Estanse a tramitar perto de oitenta megaproxectos de parques eólicos entre os que se atopan as poucas zonas de montaña ben conservadas que nos quedan: Nogueira de Ramuín, Montederramo, Trives, Quiroga…xoias medioambientais de O Courel, Ancares e o Macizo Central.

O activista medioambiental Marcos Celeiro calificao, con toda a razón, de pandemia eólica. Os novos muíños son aeroxeradores xigantes que cuatriplican o tamaño dos existentes  colocándose en paralelo, en múltiplas liñas en áreas de cicoenta por vinte kilómetros, sen planificación algunha, arrasando o valor natural, paisaxístico e patrimonial en áreas povoadas de aldeas e vilas a destruir os ecosistemas e sistemas fluviais.

Malia os atrancos de luita nesta pandemia, estase a organizar a Rede Galega Stop Eólicos. Mais aínda cos esforzos do activismo só se conseguirá combater, segundo Celeiro, o 10% dos proxectos. Por iso é fundamental a implicación de todos. Non podemos acreditar en Teresa Rivera, a ministra-fracking de transición ecolóxica. Non podemos acreditar en Feijóo que ama tanto a nosa Terra que a agasalla a empresas norueguesas.

Teremos de luitar quixotescamente como fixeron e fan os comuneiros pola devolución dos montes en mancomún apropiados polo franquismo para os monocultivos estatais. Teremos de luitar sanchopancescamente como luitaron os beirâos portugueses polos baldios contra o saqueo do salazarismo en Quando os lobos uivam que tan literariamente nos testemuñou  o grande escritor Aquilino Ribeiro.

Di a mitoloxía grega que Eolo, Guardián dos Ventos, entregoulle a Odiseo unha bulsa que os contiña todos e díxolle que mentres o colo estivera ben atado cun fío de prata todo iría ben. Mais cando quedou durmido os tripulantes desataron a bulsa coidando que era de viño e os ventos ruxiron levándose o navío por diante.

Galegos, non son tempos de nos durmir!.

*Ferrol

About ELCOMUNISTA.NET (72928 Articles)
Síguenos en Twitter @elcomunistanet Síguenos en Facebook grupo: el comunista prensa roja mundo hispano Nuestro e mail: elcomunistaprensa@yahoo.com
A %d blogueros les gusta esto: