Prazas M.A.

Desde a Comisión de Emprego Fene – Ferrol queremos manifestar a nosa disconformidade coa resolución da convocatoria das prazas de Técnico de Medio Ambiente na Ría de Ferrol.

Malia seren prazas que carecen de regulación previa, senón que emanan do Comité do Intercentros de Saúde Laboral, a representación social participou no proceso designando un vogal que coñece a profesión, as necesidades e o funcionamento dese departamento.

Dito vogal elaborou un informe no que se evalúan as competencias e habilidades de cada candidato en función de diferentes factores, que van desde a formación, méritos e experiencia recollida nos currículums até as capacidades que cada un amosou durante a entrevista persoal, tendo en conta as necesidades do posto.

Utilizando os criterios de valoración mencionados, para cubrir as 3 vacantes, o noso vogal elaborou unha lista con todos os candidatos por orde de clasificación, de xeito que o candidato 1 é a valoración máis alta e o candidato 11 é a máis baixa.

Comezan as tiranteces cando a Dirección dá como seleccionados candidatos que non coinciden cos primeiros postos do noso vogal, e nin sequera ocupan postos correlativos na súa lista. Complícase todo aínda máis cando se negan a darnos unha lista alternativa que ordene os candidatos e xustifique a súa elección, o que nos reafirma na postura de que, os tres elixidos non estarían correlativos en ningún listado realizado por méritos e capacidades.

Por non mudar de traxectoria, neste tipo de prazas, esta dirección segue a contratar como quere e a quen lle parece sen dar explicacións que xustifiquen ditas accións, cunha total ausencia de criterio e unha selección de candidatos claramente arbitraria. Unha vez incorporados ao posto de traballo os candidatos seleccionados, verifícanse a nosas sospeitas de que distan moito da orde establecida polo vogal da parte social.

Cales son os criterios da dirección? Por que non os expón nin xustifica?

Nestas prazas, moi ao noso pesar, está pouco regulado o proceso de incorporación. Pero, aínda así, a que vén negar ningún tipo de explicación? Por que se negan a contrastar a diferencia de criterios con nós ou co noso vogal? A intención da empresa non é seleccionar aos candidatos máis cualificados? Estará tal vez comprometida algunha das prazas con antelación como aconteceu noutros procesos? Ou quizais algún responsable de área ou departamento está a premer para adxudicar este tipo prazas baixo o único criterio de “porque eu o digo”?

Para tirar estas dúbidas sobre o funcionamento deste tipo de prazas, mal chamadas corporativas, é necesario que a Dirección facilite a súa lista co número de orde e os criterios seguidos para a súa elaboración.

Navantia como empresa pública, no debe ficar en só abandeirar publicamente o compromiso coa xestión ética baseada nos 10 Principios do Pacto Mundial sobre dereitos humanos, dereitos laborais, medio ambiente e loita contra a corrupción. Tamén ten que o demostrar no día a día. Este proceso non amosa ningún tipo de transparencia, nin nos aclara a obxectividade e igualdade de condicións para os candidatos e candidatas presentadas.

A realidade demóstranos, unha vez máis, que a dirección desta empresa fala e difunde unha imaxe de transparencia pero volvemos ollar nestes procesos de selección de persoal, que a sombra da corrupción que sempre quixemos desterrar deixase entrever. Nuns procesos, onde responsables de departamentos presionan á dirección para impor os seus criterios (candidatos) na selección de persoal.

Trátase dun proceso ficticio para contratar uns candidatos que xa foron seleccionados con anterioridade ao inicio das probas de acceso.

Tamén cabe dicir que nas mal chamadas prazas corporativas na Ría de Ferrol, a cal está composta de dous centros de traballo Fene y Ferrol, non se están a cubrir as necesidades nos centros, senón que se contratan nun centro e ubícanse noutro, incumprindo o acordado no Intercentros de Saúde Laboral. Con este tipo de actuacións semella evidente que a intención que ten a Dirección é baleirar algúns centros de persoas asignadas, para así poder ceder as instalacións a empresas privadas para que leven os beneficios co menor coste posible para estas.

About ELCOMUNISTA.NET (79236 Articles)
Síguenos en Twitter @elcomunistanet Síguenos en Facebook grupo: el comunista prensa roja mundo hispano Nuestro e mail: elcomunistaprensa@yahoo.com
A %d blogueros les gusta esto: