A CIG di BASTA XA‼️ aos DESPEDIMENTOS «Á CARTA» en MERCADONA. A CIG en loita!!!

A CIG ten denunciado en reiteradas ocasións que o persoal dos supermercados desta cadea está sometido a un exhaustivo control das súas funcións con constantes preavaliacións e avaliacións e unha minuciosa supervisión. Valoracións con apreciacións subxectivas que non dependen de criterios prefixados e coñecidos, senón do que considere en cada momento a persoa encargada da tenda.

Cuestións como cobrar ou non a prima anual está condicionado polo resultados desas valoracións, así como a decisión de aplicar despedimentos que son completamente arbitrarios. A CIG considera ademais que deste xeito se trata de xustificar o que en realidade é unha persecución ao persoal que exerce e defende os seus dereitos laborais.
Inxustos e arbitrarios

A sección sindical da CIG de Mercadona denuncia que a empresa tampouco presenta por escrito os supostos incumprimentos dos métodos de traballo internos o que deriva nunha grave situación de indefensión do conxunto de persoal. Métodos que nas actuais circunstancias, e co exceso de carga de traballo que teñen desde o inicio da pandemia nas 23 tendas da provincia, son imposibles de cumprir durante toda a xornada laboral para un persoal totalmente extralimitado nas súas funcións. Unha situación que Mercadona xustifica polos problemas de organización e a imprevisibilidade da situación.

Xunto a isto asegura que un mesmo incumprimento supón para unhas traballadoras/es a apertura dunha sanción, para outras unha acta de reprimenda mentres que noutros casos non acontece nada. En todo caso a CIG rexeita que un incumprimento sirva como motivación á empresa para xustificar un despedimento e moito máis que isto se aplique de forma selectiva e discriminada.

Non obstante, denuncian que o control exhaustivo de tarefas acrecentouse «e segue recaendo na subxectividade da opinión do/a encargada/o de tenda (coa colaboración do departamento de RRHH) a decisión de abrir actas, amoestacións, sancións e suspensos nestas avaliacións persoais a quen non se dobregue ante as esixencias de renunciar a exercer os seus dereitos laborais, atendendo unicamente a dar total prioridade ás necesidades de incrementar a produtividade nas tendas».

A este respecto subliñan a persecución que sofre o persoal que cae de baixa, chegando a darse casos de traballadoras/es a quen Mercadona lles puxo vixilancia privada para controlar o que facían; a dificultade coa que se atopan as mulleres embarazadas para acceder á suspensión de contrato por risco, en cumprimento dos protocolos de prevención; as complicacións para acollerse ás reducións de xornada por coidado de menor, que a empresa formaliza con carácter de “revisable mensual/semestral”; así como a negativa sistemática das solicitudes horarias en materia de conciliación da vida familiar e laboral.

«Perseguen a identificación de disidentes do seu sistema/modelo de traballo (que chaman Modelo de Calidade Total) que  Mercadona debe de pensar que está por enriba do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras e que, en todo caso, lles sae moi rendíbel. Xa nin que dicir ten dos dereitos sindicais, a política do medo e a represión son cimentos nesta cadea de supermercados», apuntan desde a sección sindical da CIG que seguirá pelexando para que se respecten os dereitos de todo o persoal.

Sección Sindical da CIG en Mercadona A Coruña

About ELCOMUNISTA.NET (74497 Articles)
Síguenos en Twitter @elcomunistanet Síguenos en Facebook grupo: el comunista prensa roja mundo hispano Nuestro e mail: elcomunistaprensa@yahoo.com
A %d blogueros les gusta esto: