Turismo sélfico

Antes de nada precisemos que o termo turismo sélfico non alude a un xeito de viaxar para afondar no noso self ou conciencia reflexiva. Non ten nada a ver con profundar na individualidade e o autoconcepto para lle dar un sentido á vida. Mais que nada porque iso podíano facer os viaxeiros -cando viaxar era privilexio dunha elite- mais nunca os turistas.

De Iolanada Teixeiro Rei*

*Ferrol

Nos tempos de xentrificación e  turismo de masas o self está máis perto da idea conductista de nos considerar a nós mesmos como obxectos que do enfoque psicoanalítico de Kohut vencellado á autorreferencia (autoimaxe, autoestima e autoeficacia). Porque que crenzas, conceptos e representacións subxectivas pode ter un turista accidental en tempos de pandemia?. Tras os packs turísticos para viaxantes pasivos arrastrados a duras xeiras de turismo low cost onde o único seguro era a rápido desprazamento no espazo e o despilfarro do tempo, asistimos ao que poderiamos chamar tecnoturismo nudista. Unha sorte de exhibicionismo nas redes promovido por unha política de tecnofilia, incompativel cun mundo de escaseza enerxética e luita contra o cambio climático.

O concello de Ferrol vén de se postular como pioneiro na Galiza neste eido instalando postes en distintos puntos da cidade para se facer o selfie perfecto. O devandito poste non é máis do que un pau metálico cun artello onde se pon o móbil para se autorretratar co fondo elixido polo executivo. Dous mil euros por pau que custou a brincadeira. Doce mil euros en total para tirarse fotos en seis lugares, disque estratéxicos, da cidade. Praza de Armas cos tilos e o concello de fondo. Praza de Galicia co Teatro Jofre. Amboaxe co polémico marqués. Xardíns de Herrera. O porto de Curuxeiras e o Auditorio de Ferrol. Sinceiramente, non sería máis acaído que os turistas trouxeran o seu propio pau de selfies na mochila e decidiran eles que subir, se suben, ás redes?. Ou é que presumimos de políticas de infantilización?

A concelleira de turismo que anda no Edusi vendendo o turismo sostivel de calidade non terá onde investir eses doce mil euros para atraer un turismo digno dese adxectivo? Non hai moito que os surfeiros reclamavan aseos públicos todo o ano na costa. Urinarios dos que carece toda a cidade. Unha carencia que resultou limitante da mobilidade durante o peche da hostelería. Non hai moito que desde a organización Ligando reclamavamos tambén cabinas de teléfono público, fontes ou carrís-bici. Porque iso é que fai habitavel unha cidade que non ha ser pensada só para o turismo.

Porén, e como os cartos públicos de Concello e Deputación xa están desbotados nos paus sélficos eu mudaría a ubicación para salientar un Ferrol histórico e social crítico onde se autorretratar. Poría un pau para facerse un selfie perante o chalet de Canido como exemplo da arquitectura modernista de Ucha. Un pau perante as ruínas da casa natal de Carvalho Calero para que se tiren o sefie os irmandados de Vila do Conde. Outro diante do muro que isola Ferrol da ría máis contaminada de Europa. Outro onde saia a única planta de gas dentro dunha ría. Outro diante da estación de tren xunto a un cartaz que poña Pacto pola Mobilidade Sostibel 2021 e o último pau na costa Ártabra para albiscar os eucalitos  e o deleixo na Rede Natura.

Con esta política turística mal chamada sostivel e a última ordenanza de seguridade non nos vai tremer o brazo ao facer selfies senón ao coller a bici para transitar sen emisións contaminantes. Porque certamente as cidades non son intelixentes senón quen as governa e a súa cidadanía.

About ELCOMUNISTA.NET (77623 Articles)
Síguenos en Twitter @elcomunistanet Síguenos en Facebook grupo: el comunista prensa roja mundo hispano Nuestro e mail: elcomunistaprensa@yahoo.com
A %d blogueros les gusta esto: