A CIG mobilízase en Mercadona contra a política de medo e represión. CIG-Mercadona: «Teñen que morrer os abusos de poder»

A sección sindical da CIG en Mercadona ten convocado un novo calendario de mobilizacións para denunciar os abusos de poder, a política de medo e represión e para esixir un traballo digno no que se respecten os dereitos laborais. Con estas accións quérese pór a atención nos compartamentos que se están a detectar nalgunhas tendas da provincia por parte dos mandos «que atentan contra a dignidade das traballadoras e dos traballadores».

«Parece mentira que en pleno século XXI nos teñamos que mobilizar para esixir respecto e dignidade, pero así  é. Vendemos a nosa forza se traballo, nin a nosa dignidade, nin a nosa saúde fisica e mental, nin as nosas vidas están en venta. Iso é algo que Mercadona non entende», subliña André Abeledo, delegado da CIG no comité provincial da Coruña.

Neste senso, explica que o persoal está sometido a presións continuadas e a uns ritmos de traballo estresantes para cumprir cos tempos que lles marcan, «imposíbeis de cumprir pola enorme carga de traballo». Isto fai que o persoal estea sometido a unha elevada tensión que ao final acaba derivando en problemas para a súa saúde.

A isto hai que engadir ademais os compartamentos irrespectuosos por parte de determinados mandos «que son humana e laboralmente intolerábeis, pero que Mercadona obvia, consinte e encubre». Un posición patronal que contratasta coa imaxe de empresa modélica que Mercadona vende nos medios de comunicación, malia que a realidade laboral é ben distinta.

Estas situacións afectan especialmente a tres tendas da provincia, nas que a sección sindical centrou nesta ocasión a resposta aos abusos laborais. A primeira das concentracións tivo lugar este venres 18 de xuño no establecemento que Mercadona ten en Betanzos, a segunda o mércores 23 de xuño na tenda da Avda. de Oza da Coruña e o luns 28, as mobilizacións trasladaranse até o supermercado situado no Outlet de Culleredo.

Ao berro de «abusos laborais, non podemos máis» ou «traballo digno e con dereitos», a sección sindical da CIG continuou este co calendario de mobilizacións para denunciar os abusos de poder e a política de medo e represión exercida por Mercadona, así como demandar emprego digno e respecto aos dereitos.

As mobilizacións, explica André Abeledo, delegado da CIG, son unha «resposta á actitude de non respecto á propia humanidade dos traballadores e das traballadoras. Non pode ser que o persoal de Mercadona veña traballar con medo e que se lle falte ao respecto cando está no seu posto. O que pedimos, aínda que pareza mentira en pleno século XXI, é dignidade».

Denuncia que fronte á imaxe que Mercadona quere vender publicamente de ser unha empresa modelo, a realidade laboral é ben distinta. As delegadas e delegados da CIG na provincia da Coruña, apunta, teñen detectado que estes abusos de poder son especialmente problemáticos na tenda de Bentanzos, na da Avda. de Oza da Coruña e na situada no Outlet de Culleredo, onde decidiron centrar desta volta as mobilizacións.

Neste senso, instan a Mercadona a tomar medidas de inmediato «porque non pode ser que a xente traballe con medo e baixo presión constante». Unhas presións e uns ritmos de traballo estresantes, engade Abeledo, que acaba afectando seriamente á saúde dos traballadores e das traballadores.

Abeledo anima as compañeiras e compañeiros de Mercadona a non quedar caladas e reaxir ante os abusos laborais xa que é a través da mobilización como se conseguen os avances. Neste senso, pon de exemplo que, tras da campaña de protestas da CIG na provincia da Coruña pola sobrecarga de traballo, a empresa fixo un reforzo de persoal de cara ao verán para cubrir as vacacións e estanse cubrindo tamén as baixas.

Sección Sindical da CIG en Mercadona na Provincia da Coruña. 

About ELCOMUNISTA.NET (81317 Articles)
Síguenos en Twitter @elcomunistanet Síguenos en Facebook grupo: el comunista prensa roja mundo hispano Nuestro e mail: elcomunistaprensa@yahoo.com
A %d blogueros les gusta esto: