Ferrol e Vigo: entre concellos sostibeis?

Desprazarnos en transporte ecolóxico de Ferrol a Vigo é, canda menos, un deporte de risco. Como o tren Ferrol-Vigo é un relicto daquela primeira locomotora que louvara Curros cal símbolo do progreso decimonónico, non queda outra  que ir en bus ate Coruña e alí coller o tren cara a cidade de os luns ao sol. Estes atrancos ocorren entre concellos que din estar na mobilidade sostibel e na loita contra o cambio climático. Que pouco custa se vestir de verde!  A palavra sostibel é o novo talismán do mercado.

De Iolanda Teixeiro Rei*

Na estación de Urzaiz están a crear un mastodonte de Intermodal que, máis que estación, promete ser outro grande centro comercial coas marcas transnacionais de rigor. O mastodonte branco leva no seu ventre unhas longas escaleiras elétricas, esa versión tecno das serpes chuchonas da nosa tradición, para acceder ás catacumbas dos cais ou plataformas dos camiños de ferro. Aínda non se decataron de que as obras faraónicas non só son un derroche nun mundo de pobreza enerxética senón que tampouco resultan eficientes pois as distancias a percorrer, aínda eletrificadas, son tan grandes que distraen do obxectivo para o que foron creadas, desprazármonos,  facéndonos perder o máis valioso na vida, o tempo. Algúns defenderán que son necesarias para portar as pesadas maletas sen se decatar de que existen as rampas sen eletrificar e que xa hai milenios que se inventou a roda anque custara barro e fariña aplicala ás maletas.

O caso é que havía que presentar en Vigo un livro saído do 1º Congreso da Rede para o Decrecemento Eo-Navia/Galiza/O Bierzo titulado: Decrecemento. Construindo alternativa na livraría Cartabón e xusto á mesma hora do partido de fútbol España-Italia. Há que ter afouto!. Mais todos ficamos pasmados do cheo de público. Alí, mentres España perdía, nós debatiamos sobre a pobreza enerxética, o espolio das comunidades e os recursos territoriais para a falsa transición enerxética do capitalismo verde,  sobre o perigo das antenas 5G, os límites do planeta, a emerxencia climática… Houvo acertadas críticas contra o tecno-optimismo xeralizado e a volta á normalidade do derroche aínda no cerne dunha pandemia cuxo acontecemento non foi máis do que a crónica dunha morte anunciada. Volveuse a suliñar, outravolta, a diferenza entre tecnoloxía e enerxía, o eterno tema ignorado polos medios de comunicación e a clase política, incluído o ministerio de Transición enerxética. De que vale o carro elétrico, a lavadora… sen enerxía para que funcione?. O gran tabú da escaseza enerxética séguese agochando á cidadanía. Porque do contrario os Fondos de Recuperación Next Generation non se malgastarían en macroestruturas e megaproxectos de renovabeis (macroparques eólicos, megaprantas de paneis solares…) que venden como verde o que non o é para lucrar aos mesmos oligopolios elétricos que manteñan en vela a tantas familias.

Como di Pedro Prieto, vicepresidente da Asociación para o Estudo dos Recursos Enerxéticos (AEREN), nin o hidróxeno nen o litio son fontes de enerxía senón, e no mellor dos casos, só vectores enerxéticos ou transportadores da mesma, evidentemente sempre con perdas. E aínda agochando o neocolonialismo que implica o saqueo das reservas de auga, materias primas e terras raras e a destrución de territorios e as súas comunidades será imposibel que sustitúan o petróleo e demais combustibeis foseis cos niveis de consumo actuais. Co que Reducir e Repartir devera ser a bandeira dunha política racional dunha esquerda hoxe ausente.

Así, malia que inzemos a nosa Terra de xigantescos muíños de vento para regalar a nosa enerxía eólica aos centros urbanos e que sigan a derrochar eletricidade en luxos innecesarios esquecendo o futuro dos seus propios fillos, mesmo así non será dabondo para poder descarbonizar este noso mundo de irracional consumismo e desigualdade.

E todo isto veu a conto da presentación dun livro saído dun rico e participado congreso dunha Rede que pretende sentar as bases para artellar o Decrecemento nos territorios da nosa biorrexión do Eo-Navia/Galiza/ O Bierzo, procurando ser fío conductor dunha proposta global para o futuro da humanidade, en arelas de continuar o debate aberto e participativo.

Entrementres, o alcalde de Vigo, cegado por unhas luces ben pouco ilustradas, na Gran Vía, a colocar escaleiras elétricas de subida cara o coñecido Corte comercial. A fame e a obesidade, as dúas facianas dun mundo entolecido que pretende salvar as encostas do progreso eletrificando o propio colapso.

*Ferrol

About ELCOMUNISTA.NET (81278 Articles)
Síguenos en Twitter @elcomunistanet Síguenos en Facebook grupo: el comunista prensa roja mundo hispano Nuestro e mail: elcomunistaprensa@yahoo.com
A %d blogueros les gusta esto: