Eólico así non

Recentemente, e en calidade de delegada da organización política Ligando-LGD, veño de rexistrar no concello de Ferrol unha iniciativa contra dos macroproxectos eólicos no noso territorio. Iniciativa que consideramos necesario divulgar nos medios para compartila coa cidadanía.

De Iolanda Teixeiro Rei*

*Ferrol

A razón de ser da Administración local non é outra que pór en marcha políticas de servizo á cidadanía, participadas por esta. Máis, cando esa cidadanía fica indefensa perante oligopolios económico-financeiros e lobbies enerxéticos.

Co cambio climático, eses territorios e espazos marítimos que van ser cedidos ao lobbie enerxético van necesitalos as comunidades locais para sobrevivir á incerteza e ás consecuencias dese cambio. Ceder eses territorios significa reducir a capacidade de resiliencia da sociedade ferrolá, contrariando a lóxica da supervivencia.

Por iso, consideramos un despropósito que a cidadanía de Ferrol se teña que informar polos medios de comunicación de que o seu alcalde fai de portavoz deses oligopolios enerxéticos que, por riba, nútrense de subvencións públicas. Apoiar desde o goberno local macroparques eólicos de gran impacto ambiental e patrimonial, arteiramente fraccionados para se poder tramitar na administración autonómica, sen comunicación previa aos afectados, está moi lonxe de calquera política democrática e relaciona perigosamente o goberno municipal cos intereses privados especulativos de grupos de poder alleos que cobizan os fondos europeos Next Generation. Fondos que deberían destinarse aos grupos sociais máis afectados pola crise da pandemia. Sobre todo, porque son empréstitos que o Estado terá que devolver e que recaerán, como sempre, na clase traballadora.

Ligando, como organización decrecentista que é, non se posiciona en contra da enerxía eólica per se anque así non por moitas razóns que paso a enumerar:

1-As enerxías renovabeis na lóxica capitalista, están moi lonxe de ser sostibeis e sociais.

Os megaproxectos -malia ser fragmentados- son sempre insostíbeis por motivos ecosociais. Nun mundo pospetróleo cara o que transitameos, estes megaproxectos especulativos e coloniais, son dependentes do petróleo. Os materiais dos eólicos fabrícanse, transpórtanse e instálanse de xeito directo ou indirecto co uso do petróleo. Parte dos seus compoñentes son moi difíciles, cando non imposibeis, de reciclar e moitos dos mesmos son extraídos e producidos en países que carecen de lexislación ambiental e laboral protectora. Supoñen un saqueo colonial alí onde se asentan, que é sempre na periferia dos grandes centros de consumo enerxético, en zonas colonialmente empobrecidas e indefensas, maiormente no rural. Por tanto, potencian o transporte da enerxía extraída  -coa perda e derroche que iso implica-  da periferia ao centro cando son as grandes cidades as grandes consumidoras.

2-Non estamos para malos investimentos en custosa tecnoloxía cuxo futuro a medio prazo xa é cuestionabel. Amais de destruir enormemente o territorio, xerarían unha débeda que habería que pagar con máis subas na xa inflada factura de electricidade, mentres se exporta a meirande parte da enerxía, como xa pasou coas aldeas sen luz á beira dos grandes encoros.

3-A instalación de parques eólicos debería realizarse onde se produce e consume enerxía, sobre todo, en solo industrial e urbano porque iso é o máis sustentabel e xusto. Cada vez haberá menos disponibilidade de camións, excavadoras, guindastres… menos disponibilidade de materiais por verse limitada a súa extracción e transporte. A eólica ten de ser, pois, local e comunitaria para poder recibir o calificativo de sostibel.

4-Das Renovabeis pódese tirar moita electricidade pero, no mellor dos escenarios, despois de anos dun desenvolvemento axeitado, poderíase obter delas unha cantidade igual ao 40% da enerxía total que se consume actualmente e non poderán sustituir por completo aos combustibeis fóseis. Polo que promover a idea de que as renovabeis van suplir ao petróleo e ao carbón, sen políticas de redución de consumos nin pór en marcha políticas decrecentistas é unha fraude á cidadanía e aboca ao desastre ás vindeiras xeracións.

5-Galiza é autosuficiente en enerxía eléctrica polo que é irracional e colonial calquera política enerxética de destrución do territorio para transportar (saqueo) a outros territorios que se libran así destas nefastas externalidades.

6-Non é de recibo que a administración faga inventario de Patrimonio ecolóxico e arqueolóxico para logo agasallalo ao lobbie enerxético.

Desde Ligando, apoiamos totalmente aos comuneir@s afectados polo proxecto eólico P.E.BRIÓN no monte do Cha e suscribimos o seu rexeitamento, así como ao P.E.MONTEVENTOSO e P.E.FERROL.

É deber do goberno municipal velar pola conservación do territorio, máis do LIC Costa Ártabra e Rede Natura 2000, do patrimonio arqueolóxico catalogado (máis de medio cento de mámoas afectadas) e dos aproveitamentos comunais do Monte do Cha. Así como tamén protexer ás persoas das liñas de alta tensión, do ruído constante das pás xigantes, do efecto sombra, das interferencias nas comunicacións e os acuíferos, fontes e traídas dos que se abastecen os núcleos rurais. Non queremos torres de 200 m. de altura sobre os montes que abeiran a ría de Ferrol!

No que ten á eólica mariña, Galiza é a segunda comunidade autónoma en produción de enerxía eólica polo que resulta abraiante e curtopracista sacrificar a biodiversidade única do litoral galego para exportar enerxía. Máis cando isto afundirá a un sector punteiro como é o pesqueiro-marisqueiro. Ao impacto económico súmase o impacto ambiental pois os proxectos San Brandán e San Cibrao son lindeiros cun dos máis importantes corredores de aves de Europa, co grave impacto ecolóxico sobre a avifauna. Polo que resulta grotesco defender a un tempo a eólica mariña e o turismo sostibel, por exemplo.

O goberno municipal ten a obriga de protexer os intereses da economía resiliente do sector pesqueiro e marisqueiro así como das comunidades costeiras afectadas, con miras á soberanía alimentar. Así como o deber de velar pola conservación dos ecosistemas litorais e mariños.

Solicitamos deste goberno o posicionamento en contra de calquera megaproxecto eólico, terrestre e mariño que non obedeza ao interese do ben común de proximidade e produción comunitaria. A creación dunha Empresa Municipal de Enerxía Renovabel que fomente o autoconsumo e o cooperativismo enerxético. Un programa municipal de reducción do consumo de enerxía, eficiencia e autonomía a nivel social e individual. Un aproveitamento descentralizado das fontes renovabeis retomando tamén as súas aplicación non eléctricas, ao parecer máis eficientes. Campañas educativas de concienciación nas que se priorice a necesidade de reducir consumos debido á escaseza enerxética nun mundo posfosilista. Políticas cara a re-ruralización e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico, especialmente das necrópoles neolíticas.

About ELCOMUNISTA.NET (79124 Articles)
Síguenos en Twitter @elcomunistanet Síguenos en Facebook grupo: el comunista prensa roja mundo hispano Nuestro e mail: elcomunistaprensa@yahoo.com

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: