A palavra adoquinada

Descarbonizando a praza do Carbón, peonalizando a praza do Callao en cuxos altos loce o monumento ao almirante vigués Méndez Núñez, (un dos heroes da batalla do Callao) o governo municipal cambia os vedraños adoquíns de granito do país polo horrendo formigón. Reclama ser Ferrol Patrimonio Mundial e, a un tempo, deixa nas cobizosas mans dos construtores de tixolo e cemento o enfeitizo dunha cidade ilustrada.

De Iolanda Teixeiro Rei*

*Ferrol

Na praza do Callao, da verba celta caliavo, que provén de kal, isto é pedra ou callau, praia de cantos rodados, como os fermosos pavimentos das belidas cidades portuguesas, nos Açores, Madeira ou no Languedoc francés.

Como os fermosos adoquíns que loce a cidade tan premiada de Victoria, artellados alí polos canteiros artesáns pontevedreses, como Karlotti me comentava onte, un dos artelladores da Palavra Encarnada, da Poesía salvaxe, a adoquinar de versos livres as rúas e as prazas da cidade racionalista durante tres longos lustros. Na praza do Callao a verba dos arxinas que Ferreiro cantara, a pedra de granito lavrada por canteiros, o addukkín que fai das rúas espellos de ríos grisallos por onde a auga lúe sen apozar, por onde o paseante camiña sen esvarar. O empedrado ferrolán patrimonial que devera ser mimado como os abraiantes mosaicos dos irmaos portugueses. O adoquín lambonada ou carambelo.

O adoquín político, torpura dos diñeiros públicos que escorregan polas arcas do formigón armado. O adoquín-cubo de xelo con azucre para as bebidas do Callao peruano. As pedras escadradas dos antigos romanos, lindas e rexas, como radiantes versos de luz ecoados nos espellos das brancas galerías. Pedra-osamenta da terra nai. Adoquín da revolta no maio francés, baixo o teito de pedra, pavimento de areais contra as cargas policiais nas primaveras.

Adoquim do Brasil, zona policiada. Pedra de escândalo, Palavra encarnada, cerco de pedra en que a verba encarna para curar ao sol. Versos nas calzadas. Silenciada arma carregada de futuro. Encarnada nas tascas e mercados, entre o viño e a cebada, no mar de dentro e no de fóra, nos Ateneos abertos, entre cuncas e linguas de cor e lume, nos ancos sombrizos da cadrícula ferrolana. Pedra de amolar, para aguzar as facas. Pedra de xelo, saraiva nos cravos de abril, festexando a revolución guiada outrora por Saraiva de Carvalho.

A Palavra Encarnada a empedrar as rúas de Ferrol. Bardos do povo, desmercantilizando a beleza, convocando a voz, compangando o pan, sementando as leiras, afiuzando na colleita e na sazón. Sen curiais nen dezmos. Poetas, pedra a pedra, erguéndose en encostas. Consagradores da pedra infernal que há corroer as nauseabundas espullas do Mercado. Pedra-adoquín, fita nas verbas, liberando a cidade dos valados.

About ELCOMUNISTA.NET (86246 Articles)
Síguenos en Twitter @elcomunistanet Síguenos en Facebook grupo: el comunista prensa roja mundo hispano Nuestro e mail: elcomunistaprensa@yahoo.com
A %d blogueros les gusta esto: